Cargando...
  • GA  .  
  • ES  .  
  • EN  .  
  • IT  

Gama cromática para centro de día

Pulsa sobre as imaxes para velas a tamaño completo.

centrMacedaalz_003.jpg
centrMacedaespacios_024.jpg
centrMacedaespacios_029.jpg
centro-de-dia-9.jpg
centro-de-dia-022.jpg
centro-de-dia-003.jpg
centro-de-dia-020.jpg
verde-curativo2.jpg
gama-terapeutica-1.jpg
centro-de-dia-017.jpg
 

O estudio de arquitectura Trespés Arquitectos diríxese a min cunha proposta concreta: establecer unha teoría de cor para intervir na totalidade dun centro de día en Maceda, Ourense.

O meu traballo como artista plástica céntrase nunha ampla utilización das cores, establecendo teorías de aplicación nos proxectos chamados “Espazos Terapéuticos Personalizados”. A psicoloxía das cores é un dos meus campos de traballo, no que busco concretar sensacións perceptivas para o ser humano.

O proxecto no que me atopo traballando na actualidade leva por título: “Do frío á calor, da calor ao frío, pasando polo temperado”, e un dos obxectivos é a observación das cores da calor e as cores do frío.

O centro a intervir componse de cinco unidades habitacionais: sala de rehabilitación e consulta, recepción, salas polivalentes, comedor, área administrativa. Tendo en conta as características concretas de cada unidade, uso, tempo de permanencia, actividade a desenvolver, tipo de usuario, establezo unha calidade cromática para cada unha.

Deseño dunha gama de cores atendendo a calidades conceptuais, psicolóxicas, das cores. Prestando especial atención ao diálogo e superposición visual e perceptiva entre elas, facendo que a toma de decisión final de cada cor estea condicionada pola unidade e complementariedade de todas elas.


- VERDE CURATIVO                Sala de rehabilitación e consulta
- AMARELO SOL                    Recepción
- VERDE ENERXÉTICO CON CEO AZUL    Salas polivalentes
- LARANXA VIVO                    Comedor
- AZUL ACTIVO                    Área administrativa


A elección desta gama busca crear lugares agradables á vez que enerxéticos ou relaxantes. Unha vez dentro, o usuario se moverá dun lugar a outro sen estridencias, atopando en cada un o que precisa para cada actividade.

Amarelo sol
O primeiro encontro co espazo interior do centro de día prodúcese no vestíbulo da entrada, na recepción. Este é un punto que inicia a distribución cara ao resto do centro.
O sol é elemento enerxético por excelencia, proporciona a luz que precisa a vida. En Galicia non é todo o habitual que nos gustaría, polo que unha dose extra de sol sempre é benvida. O sol é conciliador, convida á cordialidade, ao encontro, ao inicio de actividade diaria. É por isto polo que este punto de recepción é desta cor.
É un amarelo máis luminoso que intenso, buscando concentrar a luz dun día soleado, temperado e agradable.

Verde enerxético con ceo azul
As salas polivalentes son os espazos de maior tempo de permanencia para as persoas maiores que acoden ao centro. A cor verde é unha cor relaxante, lembra a natureza; se lle engadimos unha calidade enerxética, con máis amarelo, resúltanos unha cor agradable que incita a unha actividade moderada.
Cando lle engadimos o ceo azul, os teitos e parte das paredes nas que continúan van pintadas de cor azul ceo, facemos uso da referencia á natureza que fai o verde potenciándoa. Os teitos das salas irán pintados en distintos tons do azul elixido facendo unha composición de cadrados e rectángulos partindo da colocación da iluminación no teito. Creamos así un lugar especialmente agradable que propicia a permanencia e o goce.

Verde curativo
As salas de rehabilitación, consulta, espera e descanso irán en cor verde. Para min, un verde aséptico, e ao mesmo tempo intenso, sería a cor máis apropiada para os lugares de intención curativa. O verde elixido como curativo propiciaría á vez tranquilidade, benestar e estímulo positivo cara a sentirse mellor.
A elección da cor verde para as salas polivalentes e a sala de rehabilitación e consulta, procurando en cada unha calidades moi concretas, busca integrar a parte médica no día a día. A xente maior precisa asistir moito á consulta do médico, rehabilitación, polo que coa cor elixida se sentirá próxima a un lugar de referencias positivas, como son as salas polivalentes.

Laranxa vivo
O comedor é un lugar dunha función moi concreta, alimentarse. O tempo de permanencia nesta unidade é limitado e relativamente curto. A elección da cor laranxa responde a estas premisas.
A cor laranxa é unha das máis enerxéticas e estimulantes, para min é ideal para o comedor, xa que estimula o apetito e proporciona a enerxía necesaria para este proceso vital tan importante. O laranxa é moi activo, apropiado para lugares de estancias relativamente curtas pero de actividade intensa. O Laranxa Vivo elixido responde a este estímulo, baseado na observación dun froito maduro, apetecible, comestible.

Azul activo
O espazo de administración no edificio é un lugar dinámico, de traballo; á vez estimulante e agradable para o desenvolvemento da xornada diaria.
O azul é unha cor fría que transmite tranquilidade, propicia o pensamento claro e lúcido. Ten referentes moi importantes nos preciosos ceos azuis e na inmensidade do mar. Se eliximos un azul activo teremos, na miña opinión, unha cor moi adecuada para un lugar de traballo.

Gama de cor
As cores elixidas configuran unha axeitada gama de cor, unhas cores dialogan coas outras e permiten un fluír harmonioso polo centro de día, contemplando a totalidade dunha xornada diaria:

Amarelo sol–verde enerxético con ceo azul–verde curativo–laranxa vivo-azul activo