O Psicoespazo é unha recente teoría de investigación desenvolvida por min que busca relacionar o espazo arquitectónico coa psicoloxía a través da percepción espacial e cromática. O espazo aprehendido ao longo da nosa vida está presente no individuo adulto e inflúe nas súas preferencias. Do coñecemento destas preferencias, podemos obter información sobre a percepción do individuo e da comunidade á que pertence. Esta información pode ser utilizada para o deseño de espazos e obxectos para un fin concreto.
Existe unha serie de conceptos comúns ao ser humano que ten guiado a nosa existencia, tomemos como exemplo a procura da felicidade. Ao menos dende Aristóteles, a procura da felicidade ten dado múltiples interpretacións sobre a conveniencia da súa consecución. Nos tempos actuais, encontrámonos por exemplo coa Psicoloxía positiva, que parece ter resolto a ecuación da felicidade que axuda ao ser humano a ser un 40% máis feliz da situación de partida.
A investigación que presento inclúe a localización da felicidade pero tamén da infelicidade, da dor, do pracer, do infinito, do agora, a vida, a morte, etc. Saber sobre a cor da que vemos cada un destes conceptos permitirame crear espazos e obxectos adecuados para un fin co obxectivo de aproveitar estes para os nosos procesos da vida diaria.
Esta é a esencia do psicoespazo, acadar o maior coñecemento sobre a combinación de psicoloxía, espazo e cor. Para obter esta información deseñei un cuestionario base, o cal pretendo que sexa aplicado ao maior número de persoas de diferentes lugares do mundo e culturas. Conseguir a cor da felicidade, e a infelicidade, é un reto que ampliaría en gran medida o seu ansiado coñecemento. O mesmo sucede cos conceptos contrarios investigados: saúde-enfermidade, vida-morte, infinito-agora, etc.
Aplicación:
Determinarei un número de persoas ás que dun modo aleatorio se lles entregará o cuestionario, homes e mulleres maiores de 16 anos.
Debido á complexidade do cuestionario, este pode requirir dun tempo de reflexión para ser cuberto, este tempo seralle facilitado ao enquisado, ao que, tras explicarlle o proxecto, se concretará con el un tempo de recollida.
Buscando a maior integración social posible e cubrir un amplo espectro de poboación, procurarei persoas nativas para a distribución e aplicación do cuestionario.
Unha vez realizadas as entrevistas, as respostas (variables de estudo) serán dixitalizadas nunha base de datos e realizarase unha análise estatística descritiva para valorar as calidades psicolóxicas das cores co fin de aplicar o seu coñecemento no deseño de todo tipo de espazos e obxectos para un fin concreto.
Cuestionario PECSH