Cargando...
  • GA  .  
  • ES  .  
  • EN  .  
  • IT  

Máquina de Cor Carne en día de Sol Intenso

Pulsa sobre as imaxes para velas a tamaño completo.

cor-carne-may-more-063.jpg
maquina-cor-carne-024.jpg
maquina-cor-carne-016.jpg
maquina-cor-carne-020.jpg
maquina-cor-carne-014.jpg
maquina-cor-carne-038.jpg
maquina-cor-carne-007.jpg
maquina-cor-carne-033.jpg
maquina-cor-carne-041.jpg
maquina-cor-carne-012.jpg
 

 

A actuación no espazo ten máis de arquitectónico que de escultórico. As decisións a tomar en relación co proxecto están para min máis próximas a unha adaptación de función que de forma. Cando me ofertan un espazo para intervir, sei que o traballo desde o seu inicio depende de variábeis a ter en conta, pero non me molesta, todo o contrario, obrígame a seguir e manexar todos estes valores existentes.

A oferta para a exposición Urbanitas é a sala do panóptico do museo. Un espazo de planta circular coroado cunha cúpula, que marca un punto central e de expansión do resto do edificio.

As enerxías e as casualidades están sempre en movemento, de vez en cando páranse para concretar algo que veu xirando máis ou menos tempo. Eu volvía de pasar 6 meses en Roma e podo dicir que o que máis me podía apetecer nese momento era un espazo con cúpula. De todo o que vivín en Roma o que máis me impresionou foi o Pantheon o día do solsticio de verán. Escoitara as excelencias deste día coa perpendicularidade do sol entrando pola apertura da cúpula, pero en ningún grao puiden imaxinar o que sentín nese momento. Un tubo de luz solar baixaba como unha chumbada sobre o centro da edificación, eu situeime no punto e sentín como me cubría toda esa enerxía. Desexei que ese momento se conxelara, que non pasara o tempo, pero os minutos avanzaban e o punto ía variando ata desaparecer a intensidade do efecto. Pedín que a enerxía que recibín durara moito tempo, que me acompañara e protexera.

En cada cúpula construída hai unha conexión co ceo, unha antena que recolle enerxía para manifestarse nun interior magnífico, grandioso en beleza e grandioso en tamaño. O que a min me suxiren as cúpulas, especialmente a do Pantheon, é unha intención de diálogo co espazo exterior. Dáse unha moi interesante propulsión de poder, tanto de fóra a dentro coma de dentro a fóra.
Un dos meus intereses de creación está en dar forma arquitectónica, real, a sensacións. Dar forma a conceptos de base abstracta, Transplantes de Amor, Fantasía, Beleza; Amor nas Nubes. En 2003 creo o programa PEP –Potenciación Espacial de Percepción– coa idea de que calquera lugar pode ser transformado para vivir unha sensación intensa. Cada lugar presenta unhas características especiais que debemos buscar con atención para así poder potencialas, PEP de Comfortworld ofrece esta posibilidade. Os especialistas en psicoespazo de ComfortWorld fan unha valoración exhaustiva do lugar ofertado, ven con total atención as posibilidades que presenta para así poder construír para ti unha sensación. Esta é a filosofía do programa que aplico por primeira vez na construción da Clínica de Percepción e o que sigo para a intervención que propuxeron no MARCO.

O primeiro que ten que acontecer é que alguén me propoña un proxecto. Cando viaxo para ver o lugar ofertado, fágoo con moito nerviosismo, sobreestimulada. Sei por experiencia que a primeira impresión será decisiva, achégome tan excitada que neste primeiro contacto xorde xa a idea. Analizo o espazo, tento a escala, sinto as enerxías que flúen e observo cada un dos elementos que fan que ese lugar teña algo a potenciar. É o propio lugar o que fala con claridade, tan só hai que saber escoitar. Esta primeira impresión para nada é a resolución do proxecto, o que eu sinto é unha sensación, unha vibración á que teño que dar forma para canalizar cara ao espectador unha peza artística. O segundo paso é pedir os planos, nese material está a solución que teño que dar. Cando analizo os planos, a idea preséntase xa con claridade, é unha cuestión de fluídos a controlar.

A sala do panóptico do museo é un espazo marcado por unha forte verticalidade que baixa para expandirse con empuxe cara a todas as salas radiais do edificio. A primeira idea foi aproveitar esa concentración de forza, tomar o potencial que entra do exterior pola cúpula e facelo perceptivo. Outra cuestión que me resultaba fascinante era tomar a verdadeira medida do espazo. Canto necesita medir un espazo para ser grandioso? O tubo que canalizaría a enerxía daba unha medida de 12 metros de alto x 2,50 metros de diámetro. Todo un reto de construción que proporcionaba dúas respostas: a realidade da medida dun lugar especial con cúpula e a construción dun tubo de canalización de enerxía que ocupa ese espazo.

Máquina de cor carne en día de sol intenso é o título da sensación perceptiva que quero construír. Quedando así o proxecto dividido en dúas partes: o tubo de canalización de enerxía e a máquina que a recibe para facela efectiva. O tubo, partindo da cúpula e apoiándose na máquina, tiña xa unha medida e un obxectivo; sería de dúas cores azuis –azul ceo artificial para o exterior e azul ceo natural para o interior– Para conseguir o efecto de día de sol intenso necesitabamos un aumento considerable de luz; que na súa natureza artificial conxelara un momento de por si efémero.

Outra calidade que define o meu traballo é o uso da cor, a maior parte da carga na intervención espacial vai no uso da cor, é máis, teño feito proxectos baseados case ou exclusivamente na cor. Máquina de cor carne é resultado da investigación na que me atopaba traballando nese momento; a través da cor carne pretendía afastarme da simboloxía das cores máis puras para entrar en cores de base psicolóxica, cores de laboratorio. Investigación que se ve resumida na peza As cores da carne, do vermello conxestivo ao verde marciano, da que tomo as cores da máquina. No exterior, o centro é de cor carne viva 2 e os corredores, de carne ruborosa; no interior, a máquina vai en carne rosada 2 e os corredores, en carne rosada 1 e carne natural 2.

A enerxía baixa polo tubo que canaliza e incide directamente nas nosas carnes. A intención deste proxecto non vai máis alá do que o título relata, aínda que é resultado do traballo feito por min nos últimos anos a través das Centrífugas de Amor e Fantasías. A Máquina de Cor Carne ten forma circular, pechada por 6 cilindros con forma anatómica, e dous corredores de acceso. Cando deseño unha sensación perceptiva intensa, inclúo sempre un acceso preparatorio que o espectador ten que percorrer, un traxecto depurador que o prepara para o que vai a sentir.

Un último detalle, a peza ten son, un ruído de máquina. Hai tempo lin un artigo sobre como acougar a un bebé cando chora, e propuña facelo con sons. No útero materno, hai un ruído de fondo provocado polo fluxo sanguíneo da nai, reproducir este son podería axudar a tranquilizalo. Nese momento, pensei en localizar ese son, o máis parecido que atopei foi Atmosfera interior de nave espacial 1, que xa é casualidade!!